Friday 17 de May de 2024

O BNG e os aspirantes a policía levan o goberno municipal ata o Consello Consultivo


Aspirantes a policía local levaron a oposición ante a Valedora do Pobo

O proceso ten ata catro motivos de nulidade de pleno dereito

O alcalde rexeitou as reclamacións basandose nun informe asinado por unha persoa inhabilitada polo Tribunal Supremo

O goberno de Culleredo non poderá continuar co seu plan para as oposicións da Policía Local, xa que se viu obrigado a pedir informe ao Consello Consultivo da Galiza sobre a revisión de oficio para que se anulen as bases deste proceso por conter ata catro motivos de nulidade de pleno dereito.

Os aspirantes reclamantes mobilizáronse e acudiron á Valedora do Pobo a denuncialo. O BNG apoiounos e elaborou o voto particular, que reuniu o apoio suficiente para parar en pleno a tentativa do alcalde, Xosé Ramón Rioboo, e a concelleira de persoal, Marta Figueroa, quenes querían negar o dereito á reclamación aos aspirantes.

Os motivos alegados polos aspirantes son que o tribunal non garda o criterio de especialidade –cando menos o 50% deberían ser policías–; tampouco cumpre co requisito da paridade de xénero; o secretario do tribunal tiña que ser o secretario municipal –por ser que ten que custodiar o expediente e os exames da proba–; e ademais, o secretario do tribunal tamén incumpría o criterio de imparcialidade, por terse presentado nas listas do PSOE como nº 2 nun proceso electoral. Esta persoa calificou as características do seu posto –xefe de gabinete– como de persoal eventual, algo que é incompatible coa participación nun tribunal de selección de persoal, tal e como establece a lei.

Ademais, hai que sinalar que a persoa que exerceu como secretario do tribunal fixo o mesmo papel en Sada, no proceso no que se acabou contratando como coordinadora naquel concello –cun salario de 70.000 euros anuais– a mesma persoa que agora segue traballando no concello de Culleredo, a pesar de estar inhabilitada para cargo público durante 8 anos, por ter prevaricando naquel proceso. E non só segue no seu posto, en contra desa sentencia, senón que é quen asina os informes que serviron ao alcalde para rexeitar o recurso dos aspirantes a policía en marzo pasado.

O BNG de Culleredo insiste en tratar de impedir que o goberno de Riobóo utilice a política de persoal para crear un concello á súa medida, utilizando informes de persoal eventual ou de persoas inhabilitadas polo Tribunal Supremo que seguen exercendo como persoal municipal, en contra da lei.